This page was exported from Clube de Montaña Xistra [ https://xistra.org ]
Export date: Sun Nov 24 18:09:03 2024 / +0000 GMT

Aberto o prazo de inscrición nos 100 km dos International Trekkers


Dende o 15 de xaneiro está aberto o prazo de inscrición para os 100km en 24 horas “Os 100 dos International Trekkers”, a primeira camiñata de 100 km de Galicia. O custe son 40€ para as inscricións feitas ata o 28 de febreiro. A partir do 1 de marzo o custe é de 50€.

O sistema de pagamento é a través da pasarela segura PayPal, co que se pode pagar cunha tarxeta de creto con total seguridade. O enlace para a inscrición é http://itrekkers.org/apuntarse-os-100-dos-international-trekkers-do-2014/

QUE SON?

Os 100 dos International Trekkers é a primeira camiñata de 100km en Galicia. O itinerario percorre 6 concellos do Barbanza, saíndo de Boiro e pasando por Rianxo, Lousame, Son, Ribeira e A Pobra do Caramiñal, para regresar a Boiro. O itinerario está especialmente deseñado para poder disfrutar dunhas vistas espectaculares (miradoiros de Castro Barbudo, balconada de Iroite, miradoiro da Curota), camiñar ás beiras de ríos (río Grande, río Te, río Beluso), percorrer praias (Cabío, Barraña), andar a carón de cabalos e vacas salvaxes nos altos da Barbanza, e ir por zonas de valor cultural (castros, petróglifos, mámoas, o hórreo máis grande de Galicia, ou ata 58 cruceiros e petos de ánimas no percorrido).

Na proba piloto que fixemos en xuño de 2013 gustounos especialmente percorrer de noite os chans do Barbanza, vendo iluminadas as rías de Noia e de Arousa, combinar praia e monte e sobre todo a inmensa satisfacción de chegar.

A proba está deseñada para que un andarín que faga sen problemas unha andaina de 50km poida completala. Fará falta algo de preparación, pero é un reto asumible. Non hai grandes desniveles (subida acumulada de 2.155 metros), e a partir do km. 55 case todo é baixada. É a proba ideal para que intentes na tua vida poder andar 100km en menos de 24 hora: ben sinalizada, pouco asfalto, e unha moi boa organización. Se tes dúbidas de se podes ou queres preguntar sobre a nosa experiencia, contáctanos neste correo.

Non vai haber restriccións de tempo, polo que se pode facer correndo, andando, trotando ou á pata coxa. Sempre que se faga antes de 24 horas.

CANDO É?

A saída está prevista para as 4 da tarde do 21 de xuño na praza do Concello de Boiro.

Atréveste? Fai dos 100 dos International Trekkers o teu reto para o 2014!!

O equipo dos ITBS

 
Post date: 2014-01-16 11:18:05
Post date GMT: 2014-01-16 09:18:05
Post modified date: 2014-01-16 11:18:05
Post modified date GMT: 2014-01-16 09:18:05
Powered by [ Universal Post Manager ] plugin. HTML saving format developed by gVectors Team www.gVectors.com