Estimados socios:
Ante as persistentes consultas sobre as licenzas deste 2023, queremos explicarvos algunhas novidades.
Este ano a Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada (FEDME), así como a nova xunta directiva da Federación Galega de Montañismo (FGM), apostaron por eliminar as tarxetas plásticas das licenzas. Dende a FEDME non consultaron cos clubs usuarios e tramitadores das licenzas. Quizais preguntaron ós clubs que están na Asemblea da FEDME, pero cos que agora non estamos, dende logo que non consultaron.
En principio o cambio era parcial e, segundo a información transmitida, mandarían en plástico unha cantidade dun 10% sobre as licenzas do ano 2022 do club (a Xistra tocábanlle 8 tarxetas para 2023). E o resto, se eran precisas, podiamos pedilas pagando 3 euros máis.
A realidade é que, a día de hoxe, non temos información de cando poderemos ter as licenzas plásticas.
Lamentablemente isto obriga, si ou si, a ter un teléfono intelixente, contrato cunha compañía telefónica, e baixarse de Google Play “Paso a paso FEDME”. Esta aplicación aínda non está madura, e están traballando nela, por iso no último mes xa leva varias actualizacións. Entendemos que hai socios de Xistra que están contentos con esa decisión, pois traballan moi cómodos co seu teléfono, e outros non están conformes coa medida.
De todas formas, como sabemos que non todo o mundo ten eses teléfonos nin ten porque ter coñecementos para instalar aplicacións, rexistrarse con usuario e contrasinal, etc…, a nosa idea é que cada un de vós indiquedes se queredes tarxeta plástica ou non. Dende o club solicitaremos as que vós precisedes.
Perdoade as molestias, pero non son derivadas de accións, omisións ou decisións do Clube de Montaña Xistra.