This page was exported from Clube de Montaña Xistra [ https://xistra.org ]
Export date: Tue Oct 26 5:07:31 2021 / +0000 GMT

Montañeiros Galegos polo Nepal



MGxNepal_Logo1 MONTAÑEIROS GALEGOS POLO NEPAL (MGxN)

Un grupo de persoas estamos traballando nun Proxecto Solidario co Nepal, que demos en chamar MONTAÑEIROS GALEGOS POLO NEPAL. Un proxecto no que teñen cabida todos os clubs de montaña e todos os montañeiros que queiran participar, así como outros colectivos e persoas afíns, ben aportando ideas propias ou ben implicándose nas que se estean elaborando nese momento. O noso obxectivo é ir recadando cartos ata o 1º aniversario do terremoto que estragou case todo o Nepal, causando máis de 10.000 mortos e millóns de persoas ca súa vida arrasada. A día de hoxe aínda quedan aldeas ás que non lles chegou ningún tipo de axuda, nin se sabe ben en que condicións se atopan. Tras o recente paso do monzón as condicións de vida non fixeron máis que empeorar esta dramática situación.

O 25 de abril de 2016, cando se cumprirá un ano do terremoto, pretendemos acadar un cume especial, o “Everest Solidario” acadando 8.848 euros para facelos chegar aos máis necesitados, a través da ONG “SOS HIMALAYA - Fundación Iñaki Ochoa de Olza” www.soshim a laya.org

Preto dese aniversario realizaremos actuacións importantes, pero iniciamos xa esta “Expedición Humanitaria” coa que axudar a paliar o mellor posible a situación catastrófica na que quedaron estas humildes persoas. No Nepal escribíronse as máis grandes fazañas da Gran Historia do Montañismo e os nepalís foron clave para realizalas.

O colectivo MONTAÑEIROS GALEGOS POLO NEPAL, con abreviatura MGxN e identificado cun logotipo propio, realizará accións conxuntas ou individuais, coordinadas e co obxectivo común de “Axuda ó Nepal”. Todos os cartos obtidos polo colectivo serán entregados á “SOS HIMALAYA - Fundación Iñaki Ochoa de Olza”. Ao fin de comunicar toda a actualidade sobre este proxecto solidario, o colectivo estará presente en redes sociais.

Galicia, 2 de outubro de 2015

MONTAÑEIROS GALEGOS POLO NEPAL

 

 


Post date: 2015-10-15 10:39:02
Post date GMT: 2015-10-15 08:39:02
Post modified date: 2015-10-15 10:39:02
Post modified date GMT: 2015-10-15 08:39:02

Powered by [ Universal Post Manager ] plugin. MS Word saving format developed by gVectors Team www.gVectors.com