Xistra – Candidatura polo estamento do Clubs nas eleccións FEDME 2020

O Clube de Montaña Xistra, coma única entidade galega que leva participando ininterrompidamente na Asemblea Xeral da FEDME nos últimos 7 mandatos, volve a presentarse coma candidato para representar os intereses dos clubs galegos.

Nestes 28 últimos anos asistimos a tódalas Asembleas Ordinarias e Extraordinarias da FEDME, facendo unha labor de apoio e fiscalización desta entidade estatal, tal como era a nosa obriga e así quedou reflectido nas actas das asembleas.

Unha FEDME na que entramos coma asembleístas xa hai moito tempo; nunha época en que o domicilio social aínda estaba radicado en Madrid e nun momento de mala xestión que, lamentablemente, facía que a federación contara con enormes débedas e moi pouca presencia no deporte español.

Nós, coma membros do estamento de clubs, fomos testemuñas e tamén partícipes na decisión do cambio cara unha presidencia radicada en Barcelona e dirixida por Joan Garrigós; tamén asistimos aos cambios positivos que levaron a esta Federación a ser unha entidade moi saneada economicamente, con máis e máis federados cada día; con novos deportes, con moita presencia nos medios de comunicación e con resultados incribles nas competicións internacionais de escalada, carreiras por montaña, esquí de montaña, etc.

Agora é un momento de cambio. O Presidente Joan Garrigós non repite coma candidato. Por iso a nosa presencia é importante para apoiar e fiscalizar ao novo Presidente ou Presidenta, e á súa Xunta Directiva. Para que o traballo feito ata agora non poida ser dilapidado. Por iso os membros da Asemblea debemos ter capacidade e coñecer a historia da entidade. Para que a nova Federación non repita erros históricos e si manteña unha liña ascendente.

E o único candidato galego entre os clubs que, indubidablemente, cumpre coa experiencia e o compromiso neste proceso electoral é Xistra.

Por iso pregamos aos Presidentes das entidades galegas que apoien a nosa candidatura.

         

Esta entrada fue publicada en Actividades, Concursos, Cursos, FGM, Rincón do Socio, Varios y etiquetada , , , . Guarda el enlace permanente.